Presentación da Asociación


Nos últimos anos asistimos á constatación dun feito innegable: o escenario móstranos, á data do nacemento da Asociación de Afectados pola Lei de Dependencia de Galicia (ALDEGA), segundo os datos feitos públicos polo Instituto de Maiores e Servizos Sociais, coñecido comunmente como o IMSERSO, organismo habilitado especialmente polo Goberno para a xestión de programas e prestacións para as persoas maiores e en situación de dependencia, na nosa comunidade, menos da metade das persoas con dereito a percibir as prestacións derivadas do sistema están efectivamente a cobrar as mesmas; ou o que é o mesmo, só o 47,69% -37.957 persoas- das 79.588 persoas con grao de dependencia recoñecida en Galicia percibe algún tipo de prestación; o que significa que, en Galicia, 41.631 persoas están pendentes da súa resolución do Programa Individual de Atención (PIA).

É precisamente por este motivo polo que a Asociación de Afectados pola Lei de Dependencia de Galicia (ALDEGA), inquedos por este aspecto, nace como centro de unión e comunicación para dar respostas e alternativas ao desasosego que xera a situación de absoluto abandono en que se encontran as familias das persoas dependentes cando pretenden facer valer os seus dereitos.

Dende que iniciou o seu camiño a Asociación de Afectados pola Lei de Dependencia de Galicia (ALDEGA) fixémonos o firme propósito de que as persoas dependentes, e moi especialmente os familiares que con eles conviven, tivesen nesta Asociación de ámbito primordialmente galego un apoio e un órgano de asesoramento, formación, representación e defensa dos seus dereitos, así como unha canle ás súas aspiracións de que se de cumprimento e resulten beneficiarios dos servizos que se recoñecen pola lexislación sobre dependencia; pretendendo ao mesmo tempo que se formulasen propostas e se desen solucións aos seus problemas.

Deste modo, aspectos tales como a defensa da dignidade das persoas dependentes, o apoio ás súas familias para conseguir mellorar as súas condicións de vida, así como informar, orientar e asesorar acerca dos aspectos relacionados coa lexislación nesta materia, constitúen os principais obxectivos polos que avoga a Asociación de Afectados pola Lei de Dependencia de Galicia (ALDEGA).

Así, dende este púlpito mostrámonos interesados en intensificar as relacións con entidades públicas e privadas de cara a lograr a aplicación dos programas e servizos recoñecidos na Lei de Dependencia autonómica, así como moi intensamente a informar aos diferentes grupos de interese (axentes sociais), sobre os beneficios e servizos que achega a lexislación sobre dependencia. Estes son os nosos desexos e propósitos máis inmediatos.

Confiamos, pois, en que este foro de comunicación lles sexa de utilidade.

Atentamente,

Jessica Esperante Agra

Presidenta da Asociación de Afectados pola Lei de Dependencia de Galicia