ALDEGA denuncia a tendencia á revisión de oficio do grao recoñecido aos dependentes


Con motivo do Día Internacional das persoas con discapacidade, a Asociación de Afectados pola Lei de Dependencia de Galicia (ALDEGA) elaborou un estudo no que se aborda a tendencia á revisión de oficio do grao recoñecido aos dependentes. Esta análise realizada pola Asociación e que leva por título Informe sobre a revisión de oficio do grao recoñecido ás persoas dependentes en Galicia, desprende un primeiro dato preocupante: un 72,26% das novas resolucións incorporadas ao Sistema durante os últimos meses do ano 2015 refírense a revisións do recoñecemento do grao de dependencia.

Segundo se manifesta no Informe elaborado, o resultado parece que está a ser na maioría dos casos a minoración do grao de dependencia que anteriormente se recoñeceu a persoas dependentes que tiveran o privilexio de beneficiarse dalgún dos servizos ou prestacións.

A percepción da cidadanía ante esta situación, que se exterioriza das queixas que dirixen á Asociación, vai máis aló do sentimento de indignación, impotencia e enfado, para centrarse na idea de inxustiza. Sirvan as breves pero contundentes palabras que incluía no seu escrito de queixa a filla dun dependente en lista de espera de revisión de grao por empeoramento:

Na súa primeira solicitude concedéuselle Grao I, Nivel 2, pero aínda que fose pouca axuda nunca se fixo efectiva. Como a súa saúde se agravou solicitouse a Revisión e na actualidade non sabemos nada. A súa saúde está moi deteriorada e non temos ningún tipo de axuda nin para Residencia nin para axuda en domicilio. Como vostede sabe concedéronse moitas noutra época con moita alegría e agora persoas que o necesitan non teñen ningunha axuda. […]